A diversión substitúe aos coches no campus de Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un circuíto dedicado a medios de transporte alternativos, a realización dun mural ou postos informativos sobre actividades para a mocidade e hábitos de ocio saudable ocupan desde este martes un espazo habitualmente reservado aos vehículos no campus de Pontevedra.
A conmemoración da Semana Europea da Mobilidade pecha durante estes días ao tráfico o treito da estrada central situado entre a rotonda de acceso ao campus da Xunqueira e a situada fronte a Ciencias da Educación e do Deporte, ambas abertas á circulación. No seu lugar, este espazo é ocupado nos mediodías de martes, mércores e xoves, por unha serie de propostas lúdicas abertas ao conxunto da cidadanía.
"É o segundo ano que celebramos esta actividade, que se enmarca no plan de acción do proxecto Green Campus", salienta o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, dunha iniciativa que busca "a concienciación respecto da idea dunha mobilidade responsable e respectuosa co medio ambiente" así como tamén o fomento de hábitos de vida saudables.
Trátase ademais, explica o vicerreitor, dunha serie de actividades abertas nestas tres xornadas en horario de 13.00 a 16.00 horas non só á comunidade universitaria, senón tamén a toda a cidadanía, o que motivou que a campaña de difusión previa abranguese tamén os diferentes centros de ensino situados na contorna da Xunqueira.
Semana Europea de Mobilidade no Campus de Pontevedra
© Universidade de Vigo