Calculan que unhas 30.000 persoas participaron nos cinco días das Festas das Dores
Por Oskar Viéitez
O Concello de Ponte Caldelas fixo este mércores balance das Festas das Dores, que durante os últimos cinco días encheron o centro urbano non só de actividade, senón dun público moi numeroso que, en varias ocasións, ateigou os espazos nos que se celebraban os diferentes actos do programa festivo.
O goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, está moi satisfeito dos resultados destas festas, nas que participaron, "en base a un cálculo moi conservador", un mínimo de 30.000 persoas.
O alcalde, Andrés Díaz, sinalou que "sempre hai cousas que mellorar, porque é imposible que todo saia ben ao 100%, e nós somos un goberno humilde que presta atención aos fallos coa intención de que non se repitan, pero creo que tamén temos motivos para estar moi contentos".
O remate final chegou coa verbena de nove horas de música interrompida. Comezou ás 23.00 horas do martes e rematou, como manda a tradición, ás 8 da mañá deste mércores.
As horas de maior afluencia foron a partir das 3 da mañá. Ás 4 boa parte dos bares e restaurantes comezaron a servir o tradicional chocolate con churros para os máis larpeiros. Non obstante, este costume está ser desprazado polo caldo galego, que gaña adeptos.