Operativo da Policía Local para que as Festas da Peregrina terminen con fogos e seguridade
Por Redacción
As Festas da Peregrina están a chegar ao seu fin e, coma sempre, o colofón serán os fogos de artificio no peirao das Corbaceiras. Está previsto para as 00.00 horas do domingo para o luns e, para garantir a máxima seguridade de bens e persoas, a Policía Local de Pontevedra deseñou un operativo especial.
Como xa é habitual, ás 23.30 horas a Policía Local de Pontevedra procederá ao corte do tráfico rodado nas inmediacións do peirao de Corbaceiras. Non se reabrirá ata o remate da tirada dos fogos.
Durante o tempo que dure a actividade, o tráfico procedente de Marín desviarase pola rúa Manuel de Palacio; o que chegue do Paseo de Colón será desviado pola rúa Monteleón cara a Uruguai; para os coches procedentes de Uruguai o desvío será pola rúa Xofre de Tenorio; e para os que procedan da rúa dos Peiraos realizarase un desvío por Ponte Novo e Palamios.
O tráfico de saída cara a Marin recoméndase efectualo por Xosé Malvar e os vehículos que circulen pola avenida Uruguai cara á avenida de Marin serán desviados (invertindo a súa dirección) na rotonda de Uruguai en dirección ás avenidas da Barca, Bos Aires e Xóse Malvar.
Durante o tempo que duren os fogos, quedará prohibida a circulación rodada dentro do perímetro das rúas pechadas ao tráfico e a Policía Local establecerá un perímetro de seguridade para as persoas nas inmediacións do punto da tirada dos fogos. Pídese aos espectadores que respecten o límite dos valados de seguridade.
O dispositivo empezarase a aplicar a partir das 23.30 horas e cumpre o establecido na orde de 20 outubro do 1988, pola que o Concello de Pontevedra dispón dun plan de actuación de emerxencias para este tipo de espectáculos coa participación da Policía Local, os Bombeiros; Protección Civil e persoal sanitario e de pirotecnia
Relacionadas:
-
C'est fini: fogos de artificio para despedir as Festas da Peregrina
Por Diego Torrado |
-
A Policía Local extrema as precaucións na Batalla de Flores ante a alerta terrorista
Por Redacción |
-
Os fogos de lucería iluminan o barrio de San Roque
Por Diego Torrado |
-
A Garda Civil inspecciona o material de pirotecnia para garantir a seguridade nos fogos de San Roque
Por Redacción |
-
Un gran espectáculo pirotécnico pon o broche de ouro ao primeiro día de festas
Por Redacción & Diego Torrado |