A Deputación prevé que os arquivos municipais da provincia estean dixitalizados no 2014
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, a través dos servizos de Novas Tecnoloxías e de Patrimonio Documental e Bibliográfico, iniciou o proceso de dixitalización dos fondos dos Arquivos Municipais dos concellos da provincia. Xa están dixitalizados os de Cotobade, Cerdedo e Ribadumia e, a piques de rematar, os de Baiona e Lalín. En abril, será a quenda de A Estrada e Gondomar e, a continuación, do resto dos concellos da provincia, excepto Vigo e Pontevedra.
Esta iniciativa, enmarcada no proxecto eDepo, a Administración nun Click financiado polo Ministerio de Industria a través do Plan Avanza, permitiu a creación dun "Centro de Coñecemento avanzado" para a dixitalización dos fondos documentais, gráficos, cartográficos, sonoros e audiovisuais do Arquivo Provincial e dos fondos documentais dos concellos da provincia.
A Deputación inviste neste plan 3,4 millóns de euros, dos que o Ministerio de Industria aporta o 15% (en torno a 500.000 euros) e o resto (o 85%, preto de 2,8 millóns) son dun préstamo que o Ministerio fai á Deputación a devolver en 15 anos.
Coa creación deste centro de coñecemento perséguense dous obxectivos fundamentais: contribuír á conservación dos fondos existentes no Arquivo Provincial e nos municipais, grazas á dixitalización dos mesmos, e pór a disposición dos cidadáns o acceso por medios telemáticos aos fondos, creando un conxunto de e-Servizos que permitan acceder a todo o patrimonio cultural, contribuíndo á súa difusión.
Para a realización dos traballos cóntase con escáneres cenitais de última xeración, recomendados para a dixitalización de fondos antigos e especialmente valiosos, que garanten un resultado final da máxima calidade.
12 técnicos en cada concello
En cada concello veñen traballando 12 personas, cos seus respectivos escáneres, durante unha media por arquivo dun mes, se ben o tempo investido no proceso depende do tamaño dos fondos do arquivo e do espazo de que se dispoña para a dixitalización. A Deputación prevé que a finais de 2013 estean dixitalizados os arquivos da metade dos concellos da provincia (30) e o resto quedaría rematado ao longo de 2014.
Según explicou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, "coa posta en marcha desta iniciativa, a Deputación garante a conservación dos fondos documentais ao contar cos documentos en formato dixital, o que minimiza a necesidade de manipulación dos orixinais". Por outra banda, sinalou, "permitirá a difusión dos mesmos aos cidadáns grazas a implantación de ferramentas de consulta a través de internet".
Según Louzán, "a labor da Deputación non só consiste en construir ou manter estradas, senón tamén este tipo de labores que non se ven, nin son tan aparatosos, pero que son fundamentais para salvagardar a memoria dos concellos, dotar de fontes de estudio accesibles ou manter a identidade local e provincial".