Un rapaz é atropelado en Sanxenxo e un motorista resulta ferido no Grove
Por Redacción
Un motorista resultaba ferido tras sufrir un accidente ás 14.00 horas cando circulaba polo lugar de Reboredo no Grove. Ata o lugar achegábanse a Policía Local, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil do Grove. Ademais foron informados desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia os efectivos do GES de Sanxenxo e os Bombeiros de Ribadumia.
O ferido era trasladado por unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital Quirón Salud Miguel Domínguez.
NENO ATROPELADO EN SANXENXO
Tamén un menor de idade resultaba ferido leve ao ser atropelado esta tarde en Sanxenxo. Os feitos, segundo explica o Servizo de Emerxencias do 112, producíanse na Praza do Concello sobre as 16.45 horas.
Un particular alertaba ao 112 Galicia que requiriu a intervención do 061-Urxencias Sanitarias e da Policía Local. O menor sufría dor nun brazo.