Queres viaxar pero non sabes falar inglés ou alemán? Acode á UNED
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Centro Asociado á UNED de Pontevedra volve acoller este mes de abril dous novos cursos de idiomas, esta vez desde unha nova perspectiva, a do viaxeiro. Trátase duns cursos que pretenden achegar ao alumno os coñecementos necesarios para desenvolverse nas situacións cotiás de calquera visitante estranxeiro. De novo, o alemán e o inglés, as linguas máis demandadas nestes momentos, volven ser as protagonistas.
O curso de Inglés para viaxeiros, orientado a que o alumno adquira as capacidades comunicativas orais para desenvolverse en situacións cotiás con destreza e soltura, desenvolverase todos os martes desde o 9 de abril ao 14 de maio, tendo unha carga lectiva de 21 horas e sendo recoñecido cun crédito ECTS. O curso celebrarase nas instalacións do centro de 17.00 a 20.30 horas e o seu prezo de matrícula será de 35 euros.
Así mesmo, organizarase unha segunda edición de dito curso, idéntica á primeira, todos os sábados. As clases deste segundo grupo comezarán o 13 de abril e prolongaranse ata o 11 de maio. Terán lugar no Centro Asociado en horario de mañá (10.00 a 14.00 horas) e o prezo de matrícula será de 33 euros.
Por outra banda, o día 16 de abril e ata o 16 de maio comezará no Centro Asociado o curso Alemán para viaxeiros, dirixido a todas aquelas persoas que desexen potenciar a destreza e capacidade comunicativa do alemán. Cunha carga lectiva de 25 horas e recoñecido cun crédito ECTS, o curso terá lugar todos os martes e xoves de 10.00 a 12.30 horas nas instalacións do Centro Asociado de Pontevedra. O prezo de matrícula é de 40 euros.
Todas aquelas persoas interesadas poderán inscribirse a través da páxina web da UNED-Pontevedra, chamando por teléfono ao 986851850 ou dirixíndose ao edificio do centro, situado en Monte Porreiro.