Melloran a seguridade viaria e a conexión por estrada entre Ponte Caldelas e Vigo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de rematar unhas obras que permiten a mellora da conexión entre a localidade e a área de Vigo. Trátase da pavimentación e acondicionamento integral da estrada entre Barbudo e o encoro de As Eiras, que conecta con Fornelos de Montes e coa cidade olívica.
Segundo informou o Concello, as obras serviron para mellorar un firme abandonado dende hai anos e a seguridade viaria nunha curva cega, pois ampliouse a sección picando directamente na rocha co obxectivo de gañar máis dun metro e dotar ao xiro de visibilidade.
A obra consistiu nun pavimentado e ensanche da estrada municipal que baixa dende o núcleo de Barbudo ata a presa, un tramo dun quilómetro e medio.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou os traballos e comprobou que se incrementou o grosor da capa de rodadura por enriba dos 10 centímetros nas curvas máis comprometidas co obxectivo de nivelar correctamente o terreo.
O Concello insiste en que se trata dunha vía moi transitada, especialmente en dirección a Vigo e Porriño, pero o mal estado no que se atopaba facía que a veciñanza optara ata o de agora por dar a volta por Soutomaior ata enlazar coa estrada N-550.