Ollo co "calote do avó"!
Por Redacción
O "modus operandi" é o seguinte. Unha persoa de avanzada idade recibe unha chamada telefónica dun parente en Arxentina que supostamente está retido nun aeroporto para dicirlle que necesita que lle envíen, antes dunha hora, unha determinada cantidade de diñeiro, para resolver un problema relacionado con impostos ou con outra escusa.
A persoa que recibe a chamada dálle credibilidade a esa demanda de auxilio do suposto familiar e realiza o pago do diñeiro que lle solicitan, xeralmente a través de WESTERN UNION.
Esta situación rexistrouse en Arbo recentemente, segundo informa a Garda Civil. As vítimas chegaron a recibir ata tres chamadas posteriores demandándolles máis diñeiro para completar un incremento imprevisto do pago dos impostos ou dunha sanción sobrevenida. En Arbo, os estafadores fixéronse nun caso con 5.300 euros e noutro con 3.700. Anteriormente, no mes de marzo, unha persoa de máis de noventa anos, veciña de Poio sufría outro timo destas características e perdeu 2.000 euros.
Este timo coñécese como a "estafa de emerxencias de familia" ou o "calote do avó" porque na maioría de casos as vítimas son persoas de idade avanzada que tentan axudar ao que se fai pasar por un familiar e que a través dunha chamada ou dunha mensaxe reclámalle diñeiro en efectivo de forma urxente para pagar unha factura de hospital, para saír dun país estranxeiro ou mesmo para saír de prisión.
A Garda Civil aconsella que cando se reciban estas chamadas, a vítima se resista á presión de actuar inmediatamente por moi grave que sexa a historia que lle conten; que verifique a identidade da persoa facéndolle preguntas e que comprobe a veracidade consultando con outra persoa da súa contorna familiar.
En todo caso, que non fagan o ingreso do diñeiro e póñanse en contacto coas forzas e corpos de seguridade do Estado chamando ao 062, teléfono da Garda Civil.