O Concello de Poio acusa o PP de "alarmar e desinformar os veciños" sobre a regularización catastral
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Poio saíu ao paso das "difamacións do PP" acerca da regularización catastral que se está levando a cabo no municipio.
O alcalde, Luciano Sobral; a tenente de alcalde, Chelo Bicada; o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro e o concelleiro de promoción económica, Gregorio Agís, compareceron ante a prensa para "desmentir todas as tonterías que dixeron ultimamente desde a oposición co obxectivo de tratar de alarmar e desinformar aos veciños".
Segundo o goberno municipal este ano o Estado decidiu cobrar por primeira vez unha taxa de 60 euros por regularizar a situación catastral de cada inmoble, polo que insistiron en que "é o colmo da perversión", que teñan que dar explicacións "por algo que creou o PP", rexeitando as críticas do portavoz popular local, Ángel Moldes, "é algo imposto polo Consello de Ministros onde ningún concelleiro de Poio ten nin voz nin voto" engadindo que por esa taxa "as arcas estatais ingresan unha pasta gansa e nós non vemos un euro".
Nembargantes, o goberno local defendeu as vantaxes de pagar a taxa de 60 euros por cada regularización fronte ao proceso "moito máis caro e engorroso" de dar de alta un inmoble de forma voluntaria.
Desde que a empresa privada Ibercar entregou o "traballo de campo" abríronse 15 días de alegacións. O concello de Poio tramitou co ORAL a exposición pública destes traballos na oficina da Seca.
Segundo as cifras oficiais que o catastro ofreceu ao Concello, o Ministerio de Facenda revisou uns 2.700 inmobles de 1.800 propietarios. A maioría son galpóns ou garaxes.
O goberno local de Poio sinalou que "o preocupante" será o incremento do valor de moitas propiedades tras a regularización catastral "con cifras por encima do valor de mercado en moitas ocasións". "O IBI non sobe e mantense ao 0,47, pero o incremento do valor vai repercutir neste imposto e en moitos outros".
ASEMBLEA DO PP
O Partido Popular presentará aos veciños en asemblea as súas propostas para o pleno extraordinario con motivo da regularización catastral o vindeiro xoves ás 21 horas no local da Comunidade de Montes de San Xoán, en Lourido.
O alcalde informou que este pleno extraordinario celebrarase, presumiblemente, a semana que vén. Nel, o bipartito tamén planea presentar diferentes alternativas e pedirá ao Estado que non cobre os 60 euros da taxa de revisión.
Relacionadas:
-
A Deputación desmárcase da taxa de 60 euros que cobra Facenda pola revisión catastral
Por Oskar Viéitez |
-
O PP abandona o pleno de Poio ao considerarse insultado
Por Redacción |
-
O PP de Poio denuncia "o Pleno da Vergonza" e convoca a veciñanza a unha mobilización
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio pide un pleno extraordinario para abordar a modificación do IBI
Por Redacción |
-
O PP solicitará un pleno extraordinario en Poio para pedir a rebaixa do IBI
Por Redacción |