Carpetazo final á operación 'Deseo' contra o tráfico de drogas, con 100 detidos en Galicia, 28 en Pontevedra
Por Redacción
A Policía Nacional dá por pechada a denominada operación 'Deseo', un operativo contra o tráfico de drogas desenvolvido en varias fases durante tres anos no que detiveron case un centenar de persoas en diversos puntos da xeografía galega, 28 delas en Pontevedra.
Os tres anos de investigación deixaron un regueiro de rexistros nos que se localizaron e desmantelaron tres laboratorios perfectamente preparados para a elaboración e o cultivo de marihuana. Sumando todas as súas fases incautáronse máis de cen quilos de marihuana, sete quilos de haxix, trescentas cincuenta dose de heroína, un quilo e medio de cocaína e preto de 250.000 euros en efectivo, entre outros efectos.
A investigación iniciouse a finais do 2014 en Lugo, cando se tivo coñecemento de que un grupo de persoas afincadas na localidade de Rábade, estaban a vender diversos tipos de sustancias estupefacientes. Por mor das detencións practicadas púidose saber que un dos provedores de haxix era un cidadán cubano, asentado na localidade de Marbella, que distribuía a droga por distintos puntos da xeografía, concretamente nas cidades de Lugo e Santiago de Compostela. Para a distribución da sustancia estupefaciente ía acompañado doutros colaboradores.
No transcurso da investigación, os axentes lograron identificar dous posibles grupos provedores de cocaína. Un deles estaría fincado na cidade de Pontevedra e outro na cidade de Lugo. Para desarticular ao pontevedrés, entre os meses de xaneiro e maio de 2016, realizáronse un total de 28 detencións na cidade do Lérez, a comarca do Salnés, Ourense, un pequeno núcleo rural de Rois (A Coruña) e Marín.
Nesta fase localizáronse e desmantelaron tres vivendas preparadas para o cultivo e a elaboración de marihuana que contaban con sistema de iluminación e ventilación, sistema de canalización de CO2 e xerador de ozono. Ademais, incautáronse 1.643 plantas de marihuana e cogollos envasados, cuxo peso total ascendía a uns 94 quilos de sustancia estupefaciente.