O PP cualifica de "farsa" os consellos parroquiais
Por Redacción
O portavoz do grupo municipal de Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, criticou este xoves en rolda de prensa o modelo de consellos parroquiais cos que o goberno local consulta os investimentos a realizar nas diferentes parroquias do rural.
Para Moreira este modelo é "toda unha farsa" ao entender que o goberno local "utilízaos como mecanismos para validar as súas imposicións en lugar de servir como instrumento para canalizar a necesidade dos veciños".
O edil popular realizou estas manifestacións como conclusión á reunión mantida a pasada semana con representantes e colectivos que participan nos consellos das diferentes parroquias.
"Se a maioría de representantes do consello parroquial son críticos co goberno, directamente deixan de convocar as reunións", asegura, polo que cre necesario un "xiro de 180 graos" na súa formulación para que así volvan ser "verdadeiros instrumentos de participación cidadá".
O GOBERNO LOCAL DEFENDE O MODELO DE PARTICIPACION CIDADÁ
Preguntado por estas declaracións da oposición Demetrio Gómez exerceu de portavoz do goberno local defendendo o modelo de participación cidadá e o dereito a que os veciños se poidan reunir "pola súa conta todas as veces que lles parece oportuno".
O edil nacionalista recoñeceu que, no caso concreto de Lourizán "houbo un par de entidades que decidiron marchar do concello parroquial", pero en todo caso "iso é cousa deles", xa que "non é obrigatorio asistir", defendeu.