A Igrexa celebra o Corpus Christi e fai un chamamento á "unidade fronte ao individualismo"
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez
Este domingo a Igrexa Católica conmemora a festa popularmente coñecida como Corpus Christi.
No caso de Pontevedra, a celebración do Corpus Christi prepárase a través dunha coordinadora interparroquial, encargada de organizar a celebración. Trátase, por tanto, dunha celebración comunitaria de todas as parroquias da cidade.
Por este motivo, desde o Arcebispado sinálannos que "resulta conveniente" superar a idea de que o Corpus sexa, segundo o ano, das parroquias de Santa María ou de San Bartolomé, "senón que é o Corpus da Igrexa en Pontevedra", con participación activa de todas as parroquias, comunidades relixiosas, grupos eucarísticos, voluntariado, Cáritas e demais.
A misa solemne tivo lugar ás 11 da mañá na Real Basílica de Santa María a Maior, estando presidida polo bispo auxiliar de Santiago, Jesús Fernández, que na súa homilía apelou á "unidade fronte ao individualismo".
Ao seu remate, ao mediodía, saíu a procesión que percorreu a Avenida de Santa María, Alhóndiga, Don Filiberto, Manuel Quiroga, Soportais, Praza da Ferrería -onde se detivo para un breve acto eucarístico-, Paseo de Odriozola, Pasantería e Sarmiento, recolléndose na igrexa parroquial de San Bartolomé.
Algunhas partes do percorrido, como a Avenida de Santa María ou a Praza da Ferrería foron adornadas coas habituais alfombras florais, que se elaboraron durante a tarde noite do sábado.