Denuncian ante Fomento a falta de visibilidade nun antigo tramo da N-550 en Tilve
Por Oskar Viéitez
A asociación de veciños O Chedeiro trasladou unha queixa ao Concello de Pontevedra, ao Ministerio de Fomento e a Augas de Galicia esixindo medidas de seguridade viaria no tramo antigo da Nacional 550 ao seu paso polo lugar de Tilve, concretamente no antigo viaduto que cruzaba o río Rons, coñecido como Ponte Malvar.
Os veciños de Cerponzóns sinalan a falta de visibilidade provocada pola vexetación existente a ambos os dous lados da calzada que dificultan a incorporación dos vehículos agrícolas á Nacional, ou o paso de peóns neste punto da estrada para deixar o lixo no colector situado ao outro lado da calzada.
Non é a primeira vez que as administracións reciben esta queixa por parte deste colectivo que volve insistir na súa cruzada para que o Ponte Malvar sexa declarado Ben de Interese Cultural como paso previo para "garantir a súa conservación e máxima protección" deste tramo que queren que sexa traspasado ao Concello de Pontevedra.