Telmo Martín reforzará o persoal dos servizos sociais e os socorristas
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxexno, Telmo Martín, continúa co recoñecemento da administración municipal. Este martes foi a quenda do persoal de servizos sociais no edificio de Portonovo.
Acompañado da concelleira Silvia Freire avanzou a súa intención de reforzar e reorganizar o servizo de axuda a domicilio, xa que segue habendo familias en espera para recibir a axuda que necesitan. Os servizos sociais de Sanxenxo contan 22 traballadoras no que dan atención a 50 familias e no departamento de axuda a domicilia traballan outras 10 persoas entre traballadoras sociais, psicóloga, asesor xurídico, educadoras e outros.
O centro de día, que xestiona unha empresa, está pendente de convocar un novo concurso para adxudicar un novo período en concesión.
SOCORRISTAS
O alcalde tamén se reuniu co responsable dos servizos de emerxencia e os socorristas das praias, Toño Folgada. O alcalde lembrou que en menos dun mes os socorristas terán que estar a prestar servizo e "hai que evitar situacións como as que se produciron o ano pasado, cando Sanxenxo tivo que renunciar a tres bandeiras azuis por falta de socorristas".
O ano pasado este servizo contou con 57 persoas, entre socorristas e sanitarios, polo que o goberno traballa para que este ano se poida superar esta cifra e, por tanto, poda ter máis praias durante máis tempo cubertas.