Nace En Marea Ponte Caldelas coa intención de presentarse ás municipais
Por Oskar Viéitez
O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, acudiu este luns ao municipio pontevedrés de Ponte Caldelas para "arroupar a constitución da marea local", nun acto presentado polo portavoz, Roi Márquez Ricón.
Luís Villares celebrou a constitución deste "novo espazo de unidade popular" que se suma á "onda das mareas municipalistas", que definiu como un "esforzo de solidariedade co máis próximo" que "uniu a xente de todo o país que non quixo permanecer impasible ante o que estaba a facer o PP nas institucións e cos propios veciños". Para o portavoz de En Marea "non pode haber valores éticos nin morais expresados en abstracto se non se ten a solidariedade co máis próximo".
Villares entende que quen forma parte de En Marea "non necesitamos un carné" porque comparten a defensa dos mesmos valores "e por iso identificámonos con cada unha das mareas que nacen ao ancho e longo do país".
Neste sentido entende que "para conseguir a hexemonía política e a hexemonía social temos que estar en todos os recunchos e iso significa que toda a xente que queira ser marea se some á marea", reivindicou Luís Villares.
Ademais engadiu que "moita xente" esperaba de En Marea "simplemente a protesta", e ao seu xuízo están a atoparse "cunha proposta" para formular unha "alternativa integral ao goberno de Núñez Feijóo e facer real o desexo compartido de converter a Galicia nun lugar mellor para vivir".
Do mesmo xeito que o resto de mareas municipais, En Marea Ponte Caldelas funcionará de maneira autónoma con respecto a En Marea e segundo sinalou o portavoz Roi Márquez, "con vocación de articular unha candidatura municipalista para as próximas eleccións locais de 2019".
Na súa presentación Roi Márquez animou a sumarse a este "espazo de participación activa" a cada veciño "descontento coa actitude dos partidos convencionais".