O novo plan de transporte público permitirá duplicar o número de paradas de autobús
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, informou este venres en Pontevedra sobre os novos contratos de transporte na provincia que, segundo asegurou, "garantirán a continuidade de todos os servizos actuais" e mesmo "os reforzan na maioría dos casos".
Nunha comparecencia de prensa na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, Vázquez Mourelle explicou que na provincia "integrarase o 6% do transporte escolar no de uso xeral", o que posibilita que "os escolares teñen blindada a atención ás súas necesidades" e a mellora do servizo ao ter o "acompañante garantido"
Ademais subliñou que esta integración "tamén beneficia aos empresarios", que teñen uns "ingresos mínimos garantidos" sen necesidade de que nin administración nin os usuarios teñan que gastar máis.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda precisou que cos novos contratos, nas zonas de implantación desta primeira fase do plan, increméntanse en máis dun 10% os quilómetros que percorrerán os autobuses do servizo xeral, superando amplamente os 4.500.000 km/ano.
A Xunta comezou esta semana a información pública de 42 contratos de transporte, 10 en Pontevedra, colgados na web da Consellería para presentar alegacións e que as empresas mostren interese por ser prestatarias de servizos.
Tamén explicou que con este plan establécese unha tarifa comarcal de 1,40 euros para os viaxeiros do transporte regular e "garántese o equilibrio económico dos contratos". No caso de viaxes de longo percorrido cobrarase por quilómetro. O transporte escolar seguirá sendo de balde.
Finalmente, Ethel Vázquez resumiu que o obxectivo deste plan é "racionalizar a oferta", de forma que no lugar e momento en que faga falta, haxa un vehículo para prestar o servizo, "aproveitando as sinerxias" que ofrece o transporte escolar no rural.