O Concello pagou 11 millóns a provedores no primeiro trimestre de 2017
Por Redacción
Un total de 11.042.538 euros. É o importe das 2.491 facturas que o Concello de Pontevedra abonou aos seus provedores nos tres primeiros meses do ano, segundo desvelou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González.
De todos eles, o 97,5% -10,7 millóns- foron facturas do propio Concello, mentres que o resto foron emitidas polo Pazo da Cultura e por Turismo de Pontevedra, que efectuaron 78 e 34 pagos, respectivamente.
Trátase dun aumento substancial con respecto a outros anos, xa que en 2015 pagáronse 6,25 millóns no mesmo período e en 2016 foron 9,10 millóns.
Ademais, o Concello mantivo o período medio de pago por baixo do prazo legal de 60 días, ao situarse nunha media de 45,69 días de demora.
A Xunta de Goberno, por outra banda, adxudicou á empresa Covsa o contrato para a mellora dos accesos peonís á contorna da igrexa de Salcedo desde a estrada de Figueirido, a EP-0012. Investiranse 110.492 euros e ten un prazo de execución de tres meses.