Arroz con luras en tinta ao estilo de Conservas Pescamar e Casa da Oliva
Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" con fusión de estilos e sabores. O produto do mar de alta calidade chega ás cociñas da Casa da Oliva, cunha orixinal proposta para degustar as luras en tinta de Conservas Pescamar.
O cociñeiro José Manuel Fernández, da Casa da Oliva, reinventa o clásico arroz con chocos, achegando a especial textura do arroz triscante e o toque exquisito das luras en tinta Pescamar. Propostas novas para un local emblemático do tapeo pontevedrés, na céntrica rúa da Oliva, número 19, xunto da oficina de Correos.
Para preparar un delicioso arroz triscante con luras en tinta Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de luras en tinta Pescamar
- Arroz
- Azafrán
- Auga de caldo de peixe
- Sal
- Para o sofrito: pemento vermello e verde, aceite, cebola e allo
Preparación:
Preparamos o sofrito poñendo un chorriño de aceite na tixola, onde refogaremos a cebola, o pemento verde e vermello e o allo, todo previamente picado. Reservamos.
Cocemos o arroz na auga do caldo de peixe, coa fórmula "2x1", é dicir, dúas partes de auga por unha de arroz. A metade de cocción, engadimos o sofrito, un pouco de sal e o azafrán, ata conseguir que o arroz se torne de cor amarela.
Unha vez no seu punto, pasámolo lixeiramente polo ferro. Para iso, colocaremos o arroz nun molde metálico en forma de aro sobre un papel antigraxo, para que non se pegue, e, a continuación, poñémolo sobre o ferro "volta e volta" ata que quede torrado.
Mentres, quentamos nunha cazola as luras en tinta Pescamar, sen que cheguen a ferver.
Procedemos a empratar. En primeiro lugar, colocamos con coidado o arroz e retiramos o molde. Enriba, as luras en tinta Pescamar, permitindo que a salsa penetre no arroz. E xa podemos degustar esta especial fusión de sabor e textura.
O cociñeiro José Manuel Fernández, da Casa da Oliva, proponnos decorar o prato cunha salsa feita de tinta de lura, mesturada co caldo de peixe e o sofrito, que antes teríamos reservado. Para achegar cor, pódese engadir un mollo de aceite e perexil.
Nuns días, volveremos cunha proposta culinaria da man de Conservas Pescamar, dentro da serie "A cociña gourmet en conserva".