O novo mamógrafo dixital da Parda permitiu a detección precoz de nove casos de cancro de mama
Por Redacción
Os oito primeiros meses de actividade do mamógrafo dixital do centro de saúde de A Parda permitiron explorar un total de 11.350 mulleres dentre 50 e 69 anos de toda a comarca e detectar nove casos de patoloxía maligna.
Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, este mamógrafo consolidou o pasado mes de agosto o proceso de dixitalización do programa galego de detección precoz do cancro de mama da Consellería de Sanidade na área de Pontevedra a través do convenio de colaboración coa Fundación Amancio Ortega, para a adquisición de equipamento tecnolóxico de última xeración.
A unidade de detección precoz do cancro de mama de Pontevedra presta cobertura a unha poboación diana de 30.000 mulleres da comarca e desde setembro traballa de luns a venres en dobre xornada, de mañá e tarde.
A unidade estaba anteriormente emprazada no primeiro andar da antiga delegación provincial da Consellería de Sanidade en Pontevedra, na avenida de Vigo, e o seu traslado á Parda aportou melloras significativas para as mulleres, que dispoñen dunhas instalacións totalmente renovadas, cun maior grao de confort e accesibilidade.
Entre as vantaxes que presenta esta aparataxe destacan a mellora da calidade da súas imaxes, que poden axudar a aumentar a sensibilidade e especificidade do programa, especialmente en mulleres premenopaúsicas ou con mamas moi densas.
Ademais, posibilita o emprego de novas técnicas que se presentan como un avance moi prometedor para aumentar a detección de tumores invasivos e para reducir a porcentaxe de mulleres que precisan dunha valoración clínica adicional tras a súa exploración mamaria.