Aire cálido procedente do norte de África entrará nas Rías Baixas a partir do domingo
Por Redacción
Durante este sábado 6, Galicia atoparase nunha situación itnermedia entre a borrasca situada en Azores e un anticiclón localizado no Mediterráneo occidental, con réxime de ventos do suroeste, segundo a previsión realizada polo servizo de Meteogalicia.
Os ceos mostraranse nubrados coa posibilidade dalgún orballo ocasional na contorna das Rías Baixas. As temperaturas situaranse entre os 11 e os 20 graos con vento que soprará moderado de compoñente sur.
Durante o domingo 7, comezará a entrar aire cálido procedente do norte de África que se sumará á influencia anticiclónica. Con esta situación espéranse ceos con nubes altas, que non impedirán o paso do sol. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios, mentres que as máximas irán en ascenso situándose entre os 12 e os 26 graos. Os ventos soprarán frouxos de dirección variable.
A partir do luns, Galicia atoparase na influencia das altas presións localizadas ao norte das Illas Británicas, que achegarán estabilidade e continuarán aportando aire cálido. As temperaturas continuarán en ascenso deixando unha sensación térmica de calor sobre todo durante a tarde. Os ventos soprarán frouxos e variables.