Adeus aos restos da gasolineira Costa Giráldez
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un tramo dunha das beirarrúas da rúa Benito Corbal atópase valado debido ao proceso de desmantelamento da antiga gasolineira Costa Giráldez. Durante estes días acométese a fase final de retirada dos restos da estación de servizo que se atopaba instalada no centro da cidade.
Segundo a propia dirección de Costa Giráldez, ao longo deste mes de maio retirarán os depósitos, quitarán os surtidores e desaparecerán as casetas que se atopaban nestas instalacións, que levaba varios anos sen actividade.
O aparcadoiro continuará activo xa que se trata de dúas empresas diferentes. O aparcadoiro continuará a pleno rendemento mesmo durante este proceso de retirada dos restos da gasolineira.
A estación de servizo comezara a súa actividade en 1951, constaba de tres depósitos de combustible e un deles coincide coa entrada principal ao aparcadoiro. No momento en que se inicien os traballos de retirada dese depósito, que terá unha duración de entre tres ou catro días, pecharase o acceso ao aparcadoiro por Benito Corbal para que os vehículos poidan acceder a través dunha entrada alternativa pola rúa Javier Puig.
Todas as obras e o peche desa parte da beirarrúa situada onde se atopaba a gasolineira durarán aproximadamente un mes.