Ponte Caldelas estrea carril bici entre o centro urbano e a praia da Calzada
Por Redacción
Case un quilómetro. É a lonxitude do carril bici que acaba de estrear Ponte Caldelas. Une o centro urbano da vila coa praia da Calzada e permitirá que os ciclistas queden separados dos vehículos a motor, polo que se garante a súa seguridade viaria.
O goberno local, case ao completo, desprazouse para gozar do que foi cualificado como a guinda final da profunda remodelación realizada do paseo Cordo Boullosa, a carón do río Verdugo.
Trátase dun traxecto completamente chá, polo que, ademais de proporcionar un acceso inmellorable á praia fluvial, serve tamén como alternativa de lecer para a veciñanza nunha paisaxe de gran beleza.
Xunto con este carril bici tamén se instalaron tres pasos de peóns elevados ao longo do renovado percorrido que vai da ponte ata a praia.
Grazas ás obras realizadas, cun orzamento moi próximo aos 100.000 euros, o paseo loce un aspecto magnífico, sinalan desde o Concello, e está correctamente sinalizado horizontal e verticalmente, cos espazos para vehículos, bicicletas e peóns perfectamente separados.
O carril para ciclistas, en concreto, foi posible grazas á ampliación de sección nas zonas máis estreitas. O Concello contou coa colaboración dos propietarios, aos que compensou construíndolle novos muros de contención.
Ademais, procedeuse á reparación das beirarrúas, que presentaban danos moi visibles, así como á retirada de bordos agresivos de pedra e á reparación completa da rede de iluminación, dotándoo de lámpadas con tecnoloxía led.
Andrés Díaz afirma que ponse así fin ao vergoñento estado en que se atopaba un paseo que é un dos emblemas do municipio, ao constituír o acceso á única praia fluvial de toda España con bandeira azul. Un abandono que cualificou como incomprensible e ben representativo da "herdanza" que deixou o anterior goberno municipal do PP.
O goberno local, ademais, está a rematar os trámites para a adxudicación da explotación do bar-quiosco da praia da Calzada. Despois de ter recibido varias ofertas están a estudarse as condicións ofrecidas para garantir o mellor servizo por un período de catro anos.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas ultima os preparativos para a tempada de baño na praia da Calzada
Por Redacción |
-
O carril bici do paseo da Calzada executarase na primavera
Por Oskar Viéitez |
-
Comezan o asfaltado do paseo da Calzada e a creación dun carril bici no río Verdugo
Por |
-
Ponte Caldelas reformará o paseo da Calzada de forma integral e incorporará carril-bici
Por Redacción |