O PP recolle as queixas veciñais polo "total abandono" do entorno de Ferreirós
Por Redacción
O PP de Poio preguntará este martes en comisión de urbanismo "que ten pensado facer o concello" sobre el estado da contorna do Parque de Ferreirós, que segundo os populares sofre un "total abandono" por parte do goberno local.
Trasladan así as denuncias de residentes deste barrio, preocupados pola situación de "grave deterioro urbano", con muros "en risco inminente de caer" e un "estado evidente de insalubridade".
A concelleira do PP, Rocío Cochón, destacou o perigo para os veciños e especialmente os máis pequenos, xa que "este parque utilízano moito os nenos e está nunha zona moi poboada, polo que non entendemos que o goberno non tomase xa cartas no asunto".
Cochón explicou que o abandono da zona é "público e notorio", xa que algunhas das zonas máis danadas precintounas a Policía Local hai meses.
Segundo a edil popular, estes precintos "non solucionan nada xa que os rapaces pasan igual aínda que estea precintado" e anunciou que pedirá ao Concello "unha solución urxente".
Os concelleiros populares trasladarán tamén outras queixas dos veciños da zona, como os columpios rotos na zona de xogos do parque ou a ausencia de bancos: "Só hai un banco para todos os veciños e toda a xente maior que vive aquí non ten onde sentarse". Segundo os residentes, o alcalde prometeulles que instalaría máis bancos hai un ano, "e aínda están esperando".
Por último, Cochón volverá trasladar as reclamacións dos veciños para que se limpe urxentemente a Finca da Coca-Cola, xa que "pese ao derrubo da nave, non se limpou ou rozou" polo que denuncian a presenza de ratas e outros animais que fan que a parcela sexa "un foco de infección".