O bo tempo instálase nas Rías Baixas
Por Redacción
A Semana Santa chega á súa fin e os turistas abandonan as Rías Baixas. Sen embargo o que non se irá será o sol que lles despide este domingo e que, segundo a previsión de Meteogalicia, será protagonista durante toda a semana.
O anticiclón que se situará sobre as illas británicas manterá a súa influencia sobre Galicia facendo que se instale non só o sol, senón tamén a calor.
Durante o luns e o martes a previsión reflicte ceos pouco nubrados ou despexados, con presenza ocasional de nubes e claros, pero con ascenso das temperaturas máximas que serán "moi altas" con respecto ao habitual no mes de abril.
Desta forma o luns chegarase en Pontevedra aos 26 graos e o martes o termómetro podería subir ata os 29 de máxima. Pola súa banda as mínimas serán normais, roldando os 11 graos.
Desde mediados de semana "a probabilidade de precipitacións será moi baixa en xeral", sinala Meteogalicia, con temperaturas que seguirán sendo altas para a época do ano ao roldar os 24 graos polo menos ata o domingo 23 de abril.