A Garda Civil de Pontevedra sacará a poxa en maio máis de 400 armas
Por Redacción
Un total de 437 armas poxará o próximo mes de maio a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, segundo recolle este mércores o Boletín Oficial do Estado.
A resolución, asinada polo coronel xefe Miguel Estévez, fixa a poxa destas armas para os días 29, 30 e 31 de maio e 1 e 2 de xuño.
Son, na súa práctica totalidade, armas requisadas en diferentes operacións policiais, ou entregadas voluntariamente por particulares.
En concreto, sairán a poxa pública 379 escopetas, un rifle, 22 carabinas de tiro deportivo, 24 pistolas, 10 revólveres e unha arma de avancarga.
Durante eses días, os interesados poderán ver as armas a poxa e realizar unha oferta en sobre pechado.
A apertura dos sobres coas ofertas e a adxudicación das armas será o día 5 de xuño, a partir das nove da mañá, na comandancia pontevedresa.