O Camiño Portugués, foco de discrepancias da Deputación e o BNG contra a Xunta
Por Redacción
As deficiencias en infraestruturas, servizos, sinalización e seguridade viaria no Camiño Portugués a Santiago chegaron este xoves ao Parlamento de Galicia e acabaron derivando nunha polémica entre administracións, ao manter posturas contrapostas sobre o mesmo punto a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia, e tamén en discrepancias entre partidos, nesta caso entre o BNG e a Xunta do PP.
O asunto chegou ao hemiciclo da man do BNG. O deputado pontevedrés Luís Bará formulou unha pregunta parlamentaria ao Goberno na que denunciou as deficiencias de accesibilidade e seguranza viaria no Camiño de Santiago e concretamente no tramo portugués, que pasa por Pontevedra.
Segundo sostivo, as infraestruturas, servizos e as condicións de seguridade viaria e accesibilidade presentan deficiencias tanto no trazado como no estado do camiño "con 11 puntos negros e falta de beiravías, pasos e rotondas nas estradas nacionais".
Segundo informou o BNG, ante esta cuesión formulada por Bará, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, respondeu que xa existe unha comisión de seguridade coa presenza do Goberno do Estado, a subdelegación do goberno e a Xunta.
Esta resposta non satisface ao nacionalista, que considera que tamén debería estar presente o Ministerio de Fomento porque "moitas das problemáticas da provincia de Pontevedra teñen que ver coas estradas" e que a administración autonómica non aportou ningunha medida contra os once puntos negros denunciados desde xa hai anos por distintos colectivos.
Por outra banda, a Deputación de Pontevedra tamén quixo sair ao paso das declaracións de Nava Castro en tanto que se senten aludidos ao afirmar esta no Parlamento que estaba á espera de que a institución provincial convoque a Mesa do Camiño de Santiago. O deputado de Turismo, Santos Héctor, puntualizou que é a Deputación quen está á espera da Xunta de Galicia para celebrar ese encontro e tamén para que lle dea a súa opiniónn sobre o regulamento da Mesa.
Segundo Santos Héctor, o 20 de marzo a Deputación propuxo á Xunta de Galicia a celebración do plenario da Mesa o 30 de marzo. A reunión non se celebrou porque ata este mércores 5 de abril a Xunta non respondeu e, ademais, fíxoo para propoñer que se celebrara un venres despois de Semana Santa. A Deputación pediulle outra data alternativa porque xusto cada venres é a reunión da Xunta de Goberno Provincial.
Relacionadas:
-
O Ano Santo de 2021, data tope para a conclusión da mellora das rutas xacobeas na provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Tráfico está preocupada pola seguridade viaria dos peregrinos
Por Redacción |
-
O Camiño de Santiago estará máis vixiado durante a Semana Santa
Por Oskar Viéitez |
-
Piden á Xunta a mellora do Camiño a Santiago ao seu paso por Barro
Por Redacción |
-
O Camiño Portugués será potenciado para que en tres anos aumente un 25% o número de peregrinos
Por Oskar Viéitez |
-
Queren que o Camiño Portugués tamén sexa recoñecido como Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco
Por Oskar Viéitez |
-
As obras de mellora do Camiño Portugués no municipio de Pontevedra, case a punto
Por Redacción |
-
Louzán recoñece que "non aproveitamos debidamente" o potencial turístico do Camiño Portugués
Por Natalia Puga |