Charo Lorenzo e Gómez Rivera sentarán no banco en xuño polos despedimentos da Cámara
Por Natalia Puga
O ex presidente da xa desaparecida Cámara de Comercio de Pontevedra Antonio Gómez Rivera e a ex secretaria na súa mesma etapa, Charo Lorenzo Pontevedra, sentarán no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra entre os días 5 e 8 de xuño enfrontándose a unha condena dun ano e seis meses de prisión por un delito contra a Administración de Xustiza en concurso con outro de prevaricación administrativa polo seu papel no despedimento de tres traballadores que pouco antes denunciaran irregularidades no funcionamento da entidade.
O xulgado reservou catro días para a sesión en atención á cantidade de probas que deberán practicarse durante a vista oral, en especial testemuñas de ambas as partes, e á complexidade probatoria de parte dos feitos que se lle atribúen.
Ademais do ano e medio de prisión, o fiscal pide que sexan condenados ao pago dunha multa de 10 meses a 10 euros diarios e oito anos de inhabilitación especial para os cargos que ambos exercían, e dos que agora xa están apartados. Como indemnización e en concepto de dano moral, pide que os dous, de forma conxunta e solidaria, deberán abonar 3.000 euros a cada un dos empregados despedidos.
Será o primeiro xuízo para Gómez Rivera, pero o segundo xa para Charo Lorenzo, que xa foi xulgada e condenada coa súa conformidade polos presuntos delitos de negociacións prohibidas a funcionarios e suborno que deron lugar a este novo procedemento. Respecto diso, o fiscal do caso, Juan Carlos Aladro, considera que despediron a tres dos catro traballadores da Cámara que denunciaron ante a Fiscalía as prácticas presuntamente irregulares na oficina deste ente en Brasil polas que finalmente foi condenada a ex secretaria e que o fixeron por represalias.
A partir da denuncia dos traballadores ante a Fiscalía, o fiscal considera que Lorenzo, na súa condición de xefa de persoal, e Gómez Rivera, como presidente en funcións, levaron a cabo unha serie de actuacións en resposta á denuncia presentada e "movidos pola intención de causar un prexuízo a quen a presentaba".
Estas accións concluíron co despedimento acordado por unanimidade polo comité executivo, de tres dos empregados denunciantes, pero non do cuarto denunciante por ser delegado de persoal. No seu despedimento, o fiscal considera que foi "decisiva a participación" de Charo Lorenzo, quen como denunciada principal polas actividades da oficina de Brasill, "procedeu a realizar cantas actividades fosen necesarias para propiciar a resolución finalmente acordada".
A orixe do caso debe situarse nun estudo que o Consello de Cámaras Galegas encargou á consultora Deloitte sobre o plan estratéxico e de viabilidade e foi presentado en setembro de 2012 propoñendo un organigrama para a entidade no que desaparecían tres figuras: a vicesecretaría, o responsable de creación de empresas ou administrativo de contabilidade. O comité executivo, á vista dese informe, solicitou un novo que concretase unha proposta de organización adecuada ás novas circunstancias para o exercicio de 2013.
Ese novo documento propón unha externalización dos servizos de comunicación e asesoría xurídica e unha redución do persoal dedicado á actividade de administración. En decembro de 2012, o Comité executivo aproba prescindir da figura da Vicesecretaría xeral e propoñer ao Pleno o cesamento do seu responsable. Cuarto días despois, na reunión do Pleno da Cámarase acéptase ese cesamento. Dúas semanas despois, houbo un novo comité executivo da Cámara que acordou por unanimidade a extinción dos contratos dos outros dous empregados.
As decisións adoptáronse no comité executivo, pero o fiscal sostén que non consta que os vogais tivesen coñecemento preciso das reais intencións dos agora acusados.
Relacionadas:
-
Absolven a Charo Lorenzo e Gómez Rivera na causa por despedir tres traballadores da Cámara por represalias
Por Natalia Puga |
-
O fiscal mantén que os ex presidente e secretaria da Cámara despediron tres empregados por represalias
Por Natalia Puga |
-
A xestión da Cámara de Comercio, de novo no xulgado con Charo Lorenzo e Gómez Rivera no banco dos acusados
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Charo Lorenzo e Gómez Rivera, a xuízo por despedir a tres traballadores da Cámara por represalias
Por Natalia Puga |