Moldes asegura que o alcalde de Poio é "cómplice" das irregularidades da Festa do Mar
Por Redacción
Apenas 24 horas despois de que se coñecese que o concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luís Martínez, terá que declarar no xulgado en calidade de investigado por presuntas irregularidades na contratación da Festa do Mar de 2014, o portavoz do PP, Ángel Moldes, asegurou que o alcalde de Poio é "cómplice" destas "anomalías".
Para os populares, Luciano Sobral é "tan cómplice e tan culpable" como o edil, non só porque "lle permitira todo isto", senón por "deixar que se minta" en relación a esta imputación. "Que non mintan e non traten de tontos aos veciños, porque non van imputar a ninguén por un posto de rosquilleiras", afirmou Moldes.
O dirixente popular explicou que Fiscalía investiga por que se "alteraron" todos uns procedementos de contratación que eran "transparentes e legais", por mor dunha "orde expresa" do grupo de goberno aos técnicos municipais.
Os informes solicitados polo PP recollen, reiterou Moldes, "que se estaba incumprindo todo", polo que os populares remitiron estes expedientes á Fiscalía "para non ser cómplices" desta situación. "Ata aí chega o noso traballo. O PP non acusa nin imputa a ninguén", dixo, xa que aclara que estas presuntas irregularidades advírtenas os técnicos.
Neste sentido, Ángel Moldes destaca que "nunca tentamos facer desgaste político" con este asunto, xa que coñecen que a denuncia se admitiu a trámite en maio de 2016 "e desde aquela nunca dixemos nada porque consideramos que era un tema delicado e había que respectar a presunción de inocencia".
"O que non vamos a consentir é que se nos tache de facer estratexias sucios, porque nós fomos claros e transparentes e non denunciamos de forma anónima", engadiu o portavoz do PP en Poio. "Actuamos con cautela e con prudencia".
Tampouco pedirán, aclarou, a dimisión do concelleiro investigado e que, a diferenza do que sofren cargos do PP nesta mesma situación "eu non me vou poñer cunha pancarta o día que declare e chamarlle corruptos" porque, dixo, "esperamos que todo se clarifique".
A esta situación chégase, segundo Moldes, porque despois de 22 anos no goberno, o BNG "pensa que o Concello é unha finca privada" onde "non ten que facer caso á oposición, ignoran aos técnicos e fan o que lle vén en gana". O equipo de goberno, sinalou, "actúa con prepotencia e se repiten nas formas", porque asegura que na Festa do Mar de 2016 tamén se produciron anomalías na contratación.