Julia Otero: "Con respecto á Pontevedra que recordaba, o cambio é extraordinario. ÿ unha cidade espléndida, moi bonita"
Por Alejandro Espiño
"De todos os lugares de España desde os que se pode facer un espazo de radio, este é un dos que ten o casco antigo máis fermoso e unha das paisaxes máis extraordinarias". Empezando así o seu programa, Julia Otero gañouse aos pontevedreses. Aínda que xa viña co público no peto. Julia en la Onda era, sen dúbida, o programa máis agardado dentro do maratón de radio en directo que ofreceu Onda Cero en Pontevedra.
Foi un programa cun marcado protagonismo pontevedrés. Tanto que Julia Otero chegou a dicir que "non sei se se nota que estou na miña terra". Houbo tempo para os viños da D.O. Rías Baixas, para falar "dos mellores mariscos e peixes do mundo", do modelo urbano de Pontevedra ou da beleza do Mosteiro de Armenteira. E como non, á súa conclusión, tamén para conversar, amablemente, con PontevedraViva.
Durante o programa falaches do moito que te sorprendeu Pontevedra. Que imaxe levas da cidade?
Sorprendeume. Facía moitos anos que non estaba por aquí e atopei unha cidade espléndida, moi bonita. Leveime unha alegría. Da Pontevedra que eu recordaba á que vin hoxe, o cambio é extraordinario. Gustoume moito o casco antigo, tan coidado, tan limpo, tan restaurado. Paréceme que estades en boas mans. Desde o punto de vista do goberno municipal hai unha sinal de identidade que pasa polo amor á terra, polo respecto á tradición, ao patrimonio cultural e natural, e iso está moi ben.
E como foi o recibimiento do público pontevedrés?
Ben, moi ben. Desde primeira hora o salón de actos do Pazo de Mugartegui estivo cheo. Foi moi agradable. Nótaseme moito cando volvo ás miñas orixes, porque me sento moi cómoda. E presumo moito diante dos meus compañeiros. Comeron... bo. O da gastronomía neste país é espectacular, aínda que xa nos coñecen, porque cando os invito a casa tamén son unha esaxerada á hora de servir. Gústame vir. Presumo moito de patria diante dos meus.
Participaches nunha auténtica maratón de radio en directo. Onda Cero realizou trece horas da súa programación desde Pontevedra. Como viviches esta experiencia?
Está ben que a D.O. Rías Baixas teña esta vocación de darse a coñecer, de promocionar o seu produto extraordinario e que entenda que a divulgación de todo iso nunha cadea como a nosa é importante. Estou segura de que moitas persoas que non tiñan previsto vir a Pontevedra, algunhas ducias como mínimo, están pensando se fan unha escapada. Esperemos que o conseguíramos.
E desde o punto profesional, sempre facer radio en directo diante dos oíntes é moi agradable. ÿ como a nosa banda sonora, porque ves cando se rin, con quen se rin, están con moita atención, en rigoroso silencio e danche moitas pistas do produto que fas. Sempre aprendes cousas do público en directo.
Pero imaxínome que engade un plus de responsabilidade...
E é máis canso, claro. As tres horas están pendente do que ven, do que escoitan. Hai que estar atentos das necesidades dos anfitrións e tamén da túa propia responsabilidade coa comunicación, con facer un programa que estea feito á medida dos que patrocinan, pero tamén á do resto dos oíntes. Só confluíndo ambos intereses conséguese un bo resultado. Cando saímos do estudo, hai que facer un programa con moitos guiños ao lugar onde esteas, pero sen perder a universalidade de cada tarde. Esa é a garantía de éxito para os que nos patrocinan, neste caso a D.O. Rías Baixas.
"Vivimos un momento informativo e periodístico moi potente, pero añoro un pouco máis de tranquilidade. Cada día é un sobresalto"
En que momento profesional atópase Julia Otero? ÿ, quizais, cando máis cómoda estás detrás dun micrófono?
Estou ben, séntome moi cómoda. ÿ un momento informativa e periodísticamente moi potente. Tamén de moita inquedanza. Dun asalto da actualidade cada día que hai uns anos non podiamos imaxinar. Añoro un pouco máis de tranquilidade. Estamos como a lombos do tigre na actualidade política. Cada día é un sobresalto. Por unha banda, informativamente ten un gancho, un 'punch' evidente, pero por outro crea certo cansazo, certo hartazgo.
E despois está a responsabilidade de exercer correctamente o principio do xornalismo, o dereito á información. Porque é moi fácil tirarse ao trampolín coas noticias que chegan cada mañá. Aínda que personalmente e profesionalmente, teño que recoñecer que é un momento grato. Estou nunha cadea moi respectuosa coa pluralidade, moi poliédrica, con moitos puntos de vista, que é como eu entendo a comunicación. E iso é de agradecer.
Dis que estás moi cómoda na radio. Descartamos entón, a curto prazo, unha posible volta á televisión?
A día de hoxe, non hai demasiadas perspectivas. E é unha pena. Telefónica estaba disposta a seguir patrocinando íntegramente Entrevista a la carta (o espazo que presentou en TVE ata o pasado mes de xullo), pero por algunha razón que se me escapa, non vou seguir en Televisión Española.
Un deses motivos podería ser a crise económica. Que papel crees que debemos de xogar os medios de comunicación nestes momentos?
ÿ un momento delicado porque os xornalistas, por unha banda estamos nas redes e controlamos moito, pero parecemos máis prescindibles que nunca. Porque a información flúe moitas veces sen necesidade do xornalista ou iso creen algúns, que o xornalista é unha figura prescindible. Eu creo que é máis necesaria que nunca. Se non hai un filtro entre o emisor e o receptor, pódese manipular, pódese enganar, pódese non contrastar fontes. Como dicía é un momento certamente delicado e debemos estar á altura das expectativas.
E como conxugamos ese deber coa crecente tendencia, polo menos por parte dalgúns sectores da sociedade, de non dar explicacións sobre certas cousas?
"O poder político evita aos xornalistas cunha desfachatez que me resulta seriamente preocupante (...) Eu hai días que me indigno"
Obviamente, o poder político séntese moi incómodo diante dos xornalistas. En certo xeito, evítaos cunha desfachatez que me resulta seriamente preocupante. Se iso unímolo á resignación dos xornalistas e a aceptación dunhas normas de conduta que son certamente impresentables como son as roldas de prensa sen preguntas, pois dá un resultado final moi pouco democrático.
Estás falando directamente dos políticos...
ÿ que unha persoa que cobra un salario público e que representa aos cidadáns está obrigada a responder aos xornalistas. Cando non o fan faltan á súa principal obrigación que é render contas ante os que lles escolleron e que lles pagan a final de mes. Pero por outra banda, os xornalistas que aceptan a abandonar a súa responsabilidade que é a de preguntar, están noqueando o noso oficio. Xúntase o fame coas ganas de comer e a ecuación é altamente preocupante.
Eu hai días que me indigno. Paréceme moi preocupante e moi feo. Non deberiamos acudir a unha soa comparecencia sen preguntas. O que pasa é que non se lle pode esixir a un xornalista que sexa un heroe e que decida non ir. Ou non imos ninguén ou se hai a máis mínima dúbida de que van ir un ou dous, a ver como chegas á redacción e lle dis aos teus xefes que ti non tes esas declaracións porque non quixeches ir ao non haber preguntas. Hai que volver aos nosos principios. Abandonámonos polo camiño.
E esa indignación canalízala tamén a través das redes sociais. Gústache ese contacto directo coa xente?
Tardei moito en entrar. Levo dous anos apenas e son moi activa porque en xeral, na vida, ou me poño ou non me poño. Cando dou un paso fágoo con todas as consecuencias. Seguramente pisaría algún charco como se pisan sempre nas redes sociais e cometería algún descoido, pero non me importa. Non borrei un só tweet na miña vida, subscribo todo o que escribín desde que empecei. Paréceme unha forma de contactar coa realidade, aínda que ás veces sexa profundamente desagradable.
"As redes sociais están cheas de cobardes que insultan, que faltan. Hai xente moi chea de odio e que son profundamente desagradables"
Por que o dis?
Porque as redes están cheas de cobardes que insultan, que faltan. Hai xente moi chea de odio e que son profundamente desagradables. Pero deses tipos tamén podes aprender. Obviamente, bloqueándoos instantaneamente. Non acepto nin tolero un só insulto. Acepto as discrepancias e ata ás veces debátoas con xente que non coñezo de nada, pero de forma educada.
O que non posúe a capacidade de linguaxe suficiente para discutir educadamente unha diverxencia, non merece que perda con el nin un só segundo. Aí non me atopan. Son moi expeditiva, pero para ser personaxe pública e estar en Twitter hai que ter anchas costas. Hai xente que debe ter unha vida tan aburrida, que non ten nada mellor que facer que insultar a persoas da escena pública.
E como ve Julia Otero o futuro dos medios de comunicación? Que lle dirías a aqueles que agora están empezando?
Non sei dar consellos. Sinceramente, cústame moito. Pero eu creo que a falta de perspectiva é un feito diferencial de cando eu empecei. Eu non cobraba, estiven sen cobrar dous anos pagando do meu peto o billete de tren para viaxar alá onde me deron o meu primeiro traballo. Foi nunha pequena radio local nos arredores de Barcelona. A capacidade de aprender e as horas dedicadas a iso sen nada a cambio xa as había hai 30 anos, pero agora o problema real é que a profesionais de 40 e 50 anos, con moita experiencia, estáselles ofrecendo soldos ridículos ou sen remuneración. Aí si cambiou a situación.
Non es moi optimista...
Non son demasiado optimista, é verdade. Porque moitas das empresas de comunicación que se dedican a isto, poderían dedicarse a outras cousas. Aquela idea romántica do filántropo que monta un medio como tal, perdeuse. Agora son empresarios que apostan pola comunicación como poderían apostar por outro sector estratéxico. E a precariedade do noso oficio é unha ameaza grave da pervivencia do xornalismo tal e como eu o entendo.