Galicia, Asturias e Portugal enfróntanse no Campionato de Sumillería do Carlos Oroza
Por Redacción
A cuarta edición do Campionato de Sumillería 'Suso Domínguez' destinado a Escolas de Hostalería de Galicia, Portugal e Asturias celebrarase este xoves 16 de marzo na Escola de Hostalería Carlos Oroza.
Ao evento asistirán Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; a presidenta da Deputación, Carmela Silva e o director xeral de Centros, José Manuel Pinal, entre outras autoridades.
Ás 09.00 horas comezarán as primeiras probas cun cuestionario específico sobre a Denominación de Orixe Monterrei, viños aos que se dedica esta edición. A segunda proba centraranse na identificación de cheiros.
Ao mediodía, o auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe converterase no escenario ao que se trasladarán os participantes para identificar un viño de Monterrei entre cinco referencias. A continuación realizarán unha proba de decantación tipo aireado co que finalizarán a súa participación no concurso.
O xurado estará presidido por Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño. Durante o evento haberá unha demostración de corte de xamón a cargo de José Manuel Míguez, gañador do Concurso Nacional de Cortadores de Xamón 2015 e unha demostración de coctelería co protagonismo de Carlos Abilleira, campión galego de cotelería flair en 2016.