![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ae9/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/58c81e6bb2-img-20170314-wa0009.jpg)
© PontevedraViva
Dous turismos chocan en Marcón e levan por diante unha furgoneta, que queda colgada ao bordo dun terraplén
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/fa3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/58c81e78ad-img-20170314-wa0010.jpg)
© PontevedraViva
Un espectacular accidente entre dous turismos e unha furgoneta na parroquia pontevedresa de Marcón terminou este martes con importantes danos materiais e un dos vehículos colgado e a piques de caerse por un desnivel de varios metros.
O sinistro produciuse ao redor das 16.00 horas deste martes no punto quilométrico 5,1 da estrada PO-542, a coñecida como O Pino- Bora, ao seu paso pola parroquia de Marcón. En concreto, o accidente tivo lugar a escasos metros do cruzamento con semáforos do bar Emiliano.
Ao lugar desprazáronse tres patrullas da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra, que explicaron que o accidente consistiu na colisión entre dous turismos que levaron por diante unha furgoneta que estaba estacionada pouco antes do bar Emiliano. Como consecuencia do impacto, a furgoneta desprazouse sobre si mesma e estivo a piques de caer á leira próxima.
O sinistro deixou importantes danos materiais, pero non deixou feridos.