Inmobilizan o seu coche por triplicar a taxa de alcol e vólveno a atopar pouco despois ao volante
Por Diego Espiño
Axentes do Destacamento de Tráfico da Garda Civil en Pontevedra interceptaron na madrugada deste domingo un condutor que superou en máis de tres veces a taxa máxima de alcoholemia permitida.
Por se iso fora pouco, tras inmobilizar o vehículo e multar ao condutor, volveron atopalo pouco despois ao volante do seu coche, a pesar de ter unha barra inmobilizadora colocada no volante, coa intención de chegar ata a localidade na que reside, Redondela.
Os feitos tiveron lugar na N-550 ao seu paso por Alba, cando a Garda Civil deu o alto ao vehículo en cuestión, un Peugeot 306, ás 4:25 horas da madrugada.
O condutor, un home de 57 anos que responde as iniciais de J.F.C. e con diversos antecedentes policiais, arroxou unha taxa de acohol de 0,88 e 0,86 nas dúas medicións realizadas, polo que a unidade de atestados instruíu dilixencias contra el.
Unha vez colocado o inmobilizador que bloquea o volante co freo, os axentes abandonaron o lugar, regresando pouco despois por outro labor. Foi entón cando observaron ao home de novo conducindo, co inmovilizador aínda colocado, circulando en dirección a Pontevedra a pesar de que case non podía mover o volante nin frear.
Requirido para que parara e saíra do coche, resistiuse e tentou agredir aos axentes, polo que foi detido.
Tras pasar a noite na Comandancia da Garda Civil, foi posto en liberdade ao mediodía coa obrigatoriedade de acudir o xulgado cando sexa requirido.