A CIG chama a mobilizarse, este 10 de marzo, "para derrotar as contrarreformas e recuperar os dereitos"
Por Redacción
A CIG conmemorará o vindeiro 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, con mobilizacións. En Pontevedra será unha concentración na Praza da Peregrina ás 20.00 horas e en Vilagarcía a concentración será na Praza de Galicia tamén ás 20.00 horas.
Esta é unha data reivindicativa na que a central dá continuidade á campaña posta en marcha no mes de decembro que se desenvolve baixo o lema "2017, un ano de loita. Recuperemos os nosos dereitos".
Dende a CIG sinalan que "a pobreza hoxe está relacionada co traballo en precariedade", xa que nestes últimos anos, "os efectos das reformas laborais dos diferentes gobernos do PSOE, e máis destacadamente do Partido Popular, afectaron enormemente ás nosas condicións de vida e de traballo".
Principalmente as súas críticas diríxense á reforma laboral do ano 2012 do PP que "está causando estragos nos dereitos laborais conquistados en tantos anos de loita".
"A suma dos salarios da clase traballadora descendeu nestes 6 últimos anos preto dun 11%"
A CIG sinala que a precariedade hoxe significa as facilidades no despedimento, a contratación temporal, parcial, as ETT... "Todo isto permite que as empresas obriguen a traballar máis horas sen pagar e baixen ilegalmente os salarios dos convenios". Para a central nacionalista o obxectivo da reforma laboral do PP era "traballar máis para cobrar menos" e citan como proba que en España "a suma dos salarios da clase traballadora descendeu nestes 6 últimos anos preto dun 11%".
Contrariamente, no resto da Unión Europea os salarios subiron por enriba do 9% nos casos de Alemaña e Francia e do 4,45% en Portugal. "Os salarios que perdemos, que ‘nos roubaron’ en tan pouco tempo, pasaron a mans dos ricos ‘o capital’, que incrementaron a súa riqueza neste mesmo período en máis do 18%".
"A explotación da clase traballadora é máis brutal na actualidade con estas leis, con estas reformas, e xa non lles abonda con roubarnos os dereitos no traballo, senón que tamén queren roubarnos as nosas pensións", declara a CIG nun comunicado.
A CIG lembra que a día de hoxe o Partido Popular non ten maioría absoluta no Parlamento; por tanto, "a continuidade destas leis que atacan os nosos dereitos dependen daqueles que permiten que gobernen". Neste sentido engaden que "o resultado final dependerá da resposta social da clase traballadora, da mobilización na rúa. Sempre na historia, gañamos os nosos dereitos coa loita".
No caso de Galicia a CIG destaca que a situación é "aínda máis grave" pola "desaparición" dos sectores produtivos o "expolio das nosas materias primas e do noso aforro" e tamén pola "maior das traxedias que é a emigración".