Os avogados pontevedreses daranse de baixa de forma masiva na quenda de oficio
Por Oskar Viéitez
O Colexio de Avogados aprobou a baixa masiva dos letrados da quenda de oficio como medida de presión ante a falta de resposta ás demandas suscitadas de forma reiterada á Xunta por parte deste colectivo profesional. Foi nunha xunta xeral extraordinaria celebrada este luns.
Segundo informou o decano do Colexio pontevedrés, Ramón Jáudenes, exercen na quenda de oficio un total de 486 letrados pertencentes a once dos trece partidos xudiciais de toda a provincia. Os outros dous, Vigo e Redondela, pertencen ao colexio de Vigo.
En Pontevedra este servizo de quenda de oficio suma 950 casos cada mes, son temas de menores, dereito penal e penitenciario, extranxería, violencia doméstica e contra a muller.
O dereito fundamental á asistencia xurídica gratuita, está recoñecido como tal na Constitución española (todos teñen dereito á defensa e asistencia letrada, di o artigo 24) para garantir que todas as persoas, con independencia da súa capacidade económica e condición, sexan asistidas por un avogado que defenda os seus intereses. A folga dos avogados de quenda de oficio provocará "unha grave disfunción" do servizo de xustiza gratuita nos xulgados e comisarías de Pontevedra "pero o servizo garantirase si ou si porque os avogados non temos dereito á folga", apuntou Jáudenes.
"O servizo garantirase si ou si porque os avogados non temos dereito á folga", apuntou Jáudenes
Este conflito afecta exclusivamente a Pontevedra, é un "problema singular" derivado do "mal funcionamento" da Comisión Provincial de Asistencia Xurídica Gratuita.
"En Pontevedra a tramitación é distinta ao resto de Comisións de Galicia o que provoca un embudo, que se tarde muchísimo en resolver os expedientes ou que nos reclamen agora aos avogados a devolución de diñeiro das asistencias prestadas hai dous anos por múltiples motivos como unha deficiente tramitación administrativa", explicou Jáudenes.
O pasado mes de decembro os letrados pontevedreses deron un "prazo improrrogable" de dous meses á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para solucionar "de xeito definitivo estes graves problemas".
Ademais o Colexio Provincial de Avogados promoveu o recurso na vía xudicial contra o decreto que regula este servizo de xustiza gratuita en Galicia xa que "a Xunta non aceptou ningunha das alegaciones efectuadas o seu borrador" nin se atendían tampouco "as reclamacións lóxicas e xa tradicionais dos avogados".