A Policía Local impuxo o pasado ano 109 multas a donos de cans
Por Redacción
Durante o último ano a Policía Local de Pontevedra denunciou un total de 109 propietarios de cans por non cumprir a normativa sobre os seus coidados, tenencia ou para evitar danos ao patrimonio público ou molestias a terceiros.
Nunha primeira fase a campaña especial da Policía destinouse a informar e sensibilizar aos propietarios sobre a súa responsabilidade no comportamento do animal, mentres a segunda parte da mesma foi xa de carácter sancionador.
Desta forma interpuxéronse 163 denuncias de carácter administrativo, resultando algún dos propietarios reincidentes.
A maior parte das sancións xustifícanse na ausencia de microchip identificativo (45) ou por non portar a documentación necesaria (licenza, seguro ou rexistro), ao tratarse de cans cualificados como raza potencialmente perigosa, en 42 casos.
Ademais en 39 casos a multa xustifícase na ausencia de cadea ou boceira e en 10 por estar o animal solto a pesar de ser considerado de raza perigosa.
En canto a un dos aspectos que máis polémica levanta cos veciños, a recollida de excrementos, tramitáronse 3 sancións por este motivo.
A Policía Local de Pontevedra tamén interveu, e interpuxo a pertinente denuncia, en seis casos de presuntos malos tratos animais.