Piden o comiso do coche dun pontevedrés que provocou un accidente na cidade ebrio e sen carné
Por Redacción
A Fiscalía de Pontevedra solicita ata oito meses de prisión e o comiso do seu coche a un pontevedrés que provocou un accidente de circulación en pleno centro de Pontevedra, na rúa Fernández Ladreda, conducindo ebrio e co permiso de circulación retirado.
Os feitos remóntanse ao pasado 14 de agosto pouco antes de mediodía, cando o acusado, que responde as iniciais A.R.O., "afectado pola inxesta de bebidas alcohólicas non se decatou de que o vehículo que o precedía se detiña ante un semáforo en vermello chocando contra o mesmo e causando feridas que precisaron unha única asistencia facultativa aos seus dous ocupantes", relata o escrito de acusación.
O condutor presentaba síntomas de inxerir alcol, así que foi sometido a proba pertinente con resultado positivo por 0,59 miligramos de alcol por litro de aire respirado (0,55 na segunda proba).
Ademais os axentes comprobaron no lugar que non contaba co carné de conducir en regra "por ter sido privado dos puntos" con anterioridade.
Por todo iso a este pontevedrés impútanselle dous presuntos delitos contra a seguridade do tráfico, co agravante da reicidencia, o que deriva na petición de ata oito meses de prisión, o comiso do coche, a privación do dereito para conducir vehículos a motor durante dous anos e a imposición dunha multa de 10 euros diarios durante 9 meses.