Detidas dúas mulleres por furtos en varios supermercados e nunha asociación
Por Oskar Viéitez
Dúas mulleres de 40 e 30 anos de idade foron detidas este mércores pola Policía Nacional, cando trataban de abandonar un dos supermercados cargadas cos produtos que subtraeran.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial de Pontevedra, as detidas teñen múltiples antecedentes policiais.
Os axentes dirixíronse inmediatamente á rúa Rosalía de Castro requiridos polo 091 onde tiñan retidas a dúas mulleres que subtraeran varios produtos do establecemento.
Os axentes comprobaron como as mulleres ocultaran os produtos no bolso e entre as súas roupas. Ademais recoñeceron aos axentes subtraer múltiples produtos de alimentación que xa portaban no carro da compra procedentes doutros supermercados próximos.
Cando os axentes estaban a identificar ás dúas mulleres, recibiron outra chamada do 091 alertando da subtracción de 575 euros do interior dun despacho pertencente a unha asociación sita na rúa Iglesias Vilarelle.
Por todo iso os axentes procederon á súa detención por un delito de furto e trasladáronas a dependencias policiais e posteriormente postas a disposición xudicial.
Os axentes entregáronlle os 525 euros que lograron recuperar aos traballadores da asociación e estes á súa vez fixéronlles entrega dun carro da compra que as mulleres abandonaran no interior do despacho ao ser sorprendidas.
O carro da compra cheo de produtos alimenticios perecedoiros e dos que as mulleres non acreditaron a súa procedencia foi entregado na súa totalidade a Cáritas Pontevedra.