Meis reduce a súa factura enerxética en 116.000 euros en apenas tres anos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Todo esforzo ten os seus froitos. Ese dito popular poderíase aplicar ao Concello de Meis. En apenas tres anos, logrou reducir dunha forma substancial o seu consumo enerxético e, polo tanto, o custo da factura que debe abonar por este servizo. O aforro foi cuantificado en case 116.000 euros anuais.
Meis gastaba, segundo os datos facilitados polo Concello, 370.310 euros a principios de 2014 na factura de electricidade de todas as súas instalacións. En 2017 ese gasto anual pasou a ser de 254.320 euros.
Desde o goberno municipal destacan que as actuacións realizadas durante este período para avanzar no uso responsable dos recursos enerxéticos, supuxeron este importante aforro económico e, por extensión, colaboran na loita contra o cambio climático a través das reducións das emisións de CO2.
Este plan partiu dun inventario de todas as instalacións municipais que consumían enerxía, agrupándoas por uso para xestionalas de maneira adecuada e integrándoas nunha ferramenta informática de xestión. Dentro deste labor, o Concello destaca o esforzo na iluminación pública, que supón o 65% do consumo enerxético global.
Ademais, establecéronse protocolos coas compañías eléctricas para recibir cunha frecuencia mensual a información necesaria para unha correcta xestión dos consumos. Isto permite dispoñer de patróns de consumo de cada instalación, detectar ineficiencias ou problemas técnicos ou advertir de erros na facturación.
Durante este período, Meis tamén coa asistencia técnica en materia de eficiencia enerxética dun xestor externo, para que implantase a xestión enerxética no municipio e formase a un xestor enerxético dentro do persoal municipal.
A todo iso súmase a revisión que se fixo das taxas de ocupación que teñen que pagar as compañías distribuidoras e comercializadoras de electricidade; ou o protocolo implantado para que non se pague ningunha factura sen que previamente pasase pola revisión técnica correspondente, ao advertir erros continuos na facturación das compañías.