Ponte Caldelas estrea un punto limpo gratuíto
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Ponte Caldelas conta xa cun punto limpo no que os veciños poderán depositar de balde os residuos. A estrea oficial do servizo foi este venres despois de sete meses agardando a que chegara a autorización oficial da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, segundo informou o Concello a través dun comunicado.
O novo punto limpo está situado no polígono da Reigosa e na inauguración participou unha comitiva oficial encabezada polo alcalde, Andrés Díaz Sobral. A solicitude para xestor de almacenamento de residuos perigosos e non perigosos presentárase xa en xuño de 2016, pero a instalación non puido abrirse ata o de agora por carecer dos permisos oficiais necesarios.
O Regulamento municipal aprobado por Ponte Caldelas establece que o punto limpo abrirá en horario de 16.00 a 20.00 horas durante as xornadas dos luns, martes e xoves e os sábados estará dispoñible de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Da xestión encárgase a empresa Urbaser.
Os residuos admisibles son os fluorescentes e luminarias de vapor de mercurio, disolventes, vernices e pinturas, pilas e baterías, aerosois, electrodomésticos, aceites minerais e vexetais procedentes de particulares, papel e cartón, vidro, envases de plástico, brik, latas, entullos de pequenas obras, voluminosos (mobles, colchóns...), restos de podas, roupa, calzado e louza.
O regulamento municipal tamén determina as cantidades máximas que se admiten por persoa, que son 5 litros de aceites, 10 unidades de aerosois, 25 quilos de entullos, unha unidade de frigoríficos, dúas do resto de electrodomésticos, 60 quilos de madeiras, un moble, un quilo de medicamentos, tres unidades de fluorescentes e dúas unidades de voluminosos.
O punto limpo rexeitará a entrada dos residuos que teñan un tratamento ou xestión especializada, como poden ser os orgánicos, lixo doméstico, agrícolas ou gandeiros, sanitarios, industriais ou comerciais, mineiros, materiais explosivos, inflamables, radiactivos ou oxidantes, animais mortos, vehículos ou as súas pezas, pneumáticos, recipientes de gran tamaño de produtos tóxicos ou perigosos, restos de limpezas viarias ou de zonas de praia ou residuos sen identificar.