As chuvias alíanse cos cidadáns e permanecerán en Galicia. Baixará agora o custo da luz?
Por Redacción
"Va a llover. Han anunciado que va a llover y eso va a dar lugar a una bajada", dixo Mariano Rajoy, presidente do Goberno nunha entrevista en Onda Cero sobre a tarifa eléctrica. E as choivas aliáronse cos clientes galegos das empresas eléctricas porque o servizo de Meteogalicia anuncia unha previsión de choiva para os próximos días na comunidade autónoma, cando inicialmente se anunciou estabilidade e tempo seco durante a fin de semana.
Este venres, as Rías Baixas atoparanse nunha situación inestable e haberá alternativa de nubes e claros con chuvascos localmente treboentos. Os ventos soprarán fortes do noroeste no litoral e frouxos do suroeste no interior con temperaturas entre os 8 e os 13 graos.
Galicia estará nun réxime de ventos do suroeste durante o sábado 28 á espera dunha fronte que chegará durante a noite. Os ceos permanecerán cubertos, con choivas débiles máis probables na metade oeste. Á noite coa chegada da fronte volverán as choivas a todo o territorio. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso e as máximas un lixeiro ascenso situándose entre os 5 e os 15 graos. Os ventos soprarán do suroeste durante o día.
A xornada do domingo quedará marcada polo paso dunha nova fronte que deixará precipitacións moderadas durante todo o día. As temperaturas experimentarán un notable ascenso nas mínimas mentres que as máximas quedarán sen cambios ou con lixeiros ascensos no norte. Os ventos soprarán do sur, fortes no litoral e nas zonas altas, mentres que serán moderados no interior. As temperaturas situaranse entre os 12 e os 14 graos.
A partir do luns 30 agárdanse ventos do compoñente sur, que deixarán xornadas de alta probabilidade de precipitacións en xeral e temperaturas suaves.
Ante esta situación meteorolóxica, baixará a factura eléctrica?