Marín mellorará dez camiños do rural cun investimento de 84.700 euros
Por Redacción
O Concello de Marín comezará nos próximos días obras de mellora en dez camiños do rural do municipio no marco dun proxecto global que resultou adxudicado á empresa Obras, Transportes y Construcciones Fontefría por un importe de 84.700 euros.
Os camiños que se inclúen neste proxecto son os de A Roza, O Casal, Cadrelo, O Coto, A Torre, Paramós, Moledo, Aguete, Macenlle e Sete Espadas. Unha vez contratada a dirección de obra procederase a realizar os traballos de limpeza e preparación para o seu posterior asfaltado.
Nos próximos días formalizarase a firma do contrato e o plan de obra da empresa para executar as obras unha vez que a Xunta de Goberno adxudicou o proxecto á proposta máis vantaxosa. Cursaran invitación para presentación de ofertas a 8 empresas e unha xa resultara desestimada por estar en baixa temeraria.
O concelleiro responsable de rural, Pablo Novas, explicou que se trata dun novo impulso e mellora de varias zonas do rural, sempre atendendo ás zonas nas que é necesario investir e tratar de que sexa coordinadamente entre os disitntos lugares, moitos deles expostos por distintas reclamacións, peticións e escritos de asociacións, así como o coñecemento sobre o lugar do propio edil, tratando de mellorar a comunicación entre as distintas zonas do noso municipio.