Acordo institucional para restaurar a ponte de Anceu
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, o seu homólogo de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, e a Deputación de Pontevedra alcanzaron un acordo para a restauración da ponte de Anceu, situada na parroquia lamesa de Verducido e que une a ambos os municipios sobre o río Parada.
Os dous rexedores visitaron o viaduto en compañía do deputado provincial David Regades e puideron comprobar o estado no que se atopa a ponte e valorar inicialmente as actuacións necesarias para preservar esta construción medieval emblemática do tradicional Camiño dos Arrieiros.
O Concello da Lama xa solicitara hai un tempo as pertinentes autorizacións de Patrimonio e Augas de Galicia para levar poder proceder a levar a cabo estas importantes obras de restauración e conservación da ponte medieval sobre o río Parada na parroquia de Verducido.
A intención é realizar labores de limpeza, eliminación de raíces de plantas trepadoras que ameazan con derrubar as pedras que dan forma a esta emblemática ponte. Así mesmo, recolocaranse algúns elementos ameazados polo paso do tempo para unha maior seguridade e consistencia da construción medieval.
Tamén se procederá a recuperar do fondo da canle do río Parada as pedras, como parapetos da ponte, que se atopan caídos no leito deste afluente. A intención é que este viaduto volva recuperar o esplendor de épocas pasadas para que se manteñan por moitos anos máis como aceno de identidade da parroquia de Verducido e ao mesmo tempo sexa un atractivo turístico para os amantes do sendeirismo, o turismo cultural e patrimonial ligado ao Camiño dos Arrieiros.
Jorge Canda destacou a importancia do entendemento institucional e a vía colaborativa entre os concellos da Lama e Fornelos, así como a axuda da Deputación de Pontevedra como fórmula para poder actuar da mellor maneira posible ante unha cuestión de interese xeral como a conservación do patrimonio histórico, arquitectónico e cultural.
A intención do alcalde da Lama é conseguir que entre todos póidase axudar a que este elemento de interese cultural teña a maior protección posible que axude á súa conservación e posta en valor á vez que favoreza o seu estudo por parte de investigadores ligados á historia do municipio da Lama e á arquitectura civil medieval xa que esta ponte "é un digno representante da capacidade construtiva dos nosos antepasados en época medieval".