![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/395/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/587f584d75-20170118_113118.jpg)
© PontevedraViva
Teresa Valero deseña o cartaz da primeira edición dos premios Virxinia Pereira de banda deseñada
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Os premios de banda deseñada a prol da igualdade que promove o Concello de Pontevedra levarán o nome de Virxinia Pereira, a responsable de que o legado de Castelao, o seu home, chegase até nós. Visibilizar ás, até agora, escasas autoras de banda deseñada e impulsar a perspectiva de xénero neste ámbito son os obxectivos da convocatoria.
A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces e o debuxante Kiko da Silva presentaron este mércores o cartaz dos premios, feito por Teresa Valero, debuxante e guionista de banda deseñada, e unha exitosa profesional da animación.
Aproveitaron o momento para anunciar a ampliación do prazo de presentación dos premios -anunciados nun primeiro momento como premios Ernestina Otero de banda deseñada- ata o 15 de febreiro. O fallo darase a coñecer o 8 de marzo, Día da Muller.
As historietas gañadoras serán a base dunha exposición de banda deseñada, que formará parte da programación dos actos do 8 de marzo e conformará unha publicación destinada aos centros educativos.