O Hospital Montecelo atende un promedio de 163 urxencias diarias
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde informou que, nos últimos días, a media de afluencia diaria ao servizo de Urxencias no Hospital Montecelo continuou sendo similar á rexistrada ao longo de todo o ano 2016, 163 urxencias diarias, "aínda que dependendo do día poden rexistrarse picos puntuais", engadiu.
Así, a actividade oscilou entre as 179 urxencias atendidas ao longo da xornada do pasado sábado, día 14 de xaneiro, e as 161 rexistradas o pasado domingo.
A maior parte das urxencias atendidas continúan correspondéndose a "pacientes pluripatolóxicos de avanzada idade, que precisan máis ingreso do habitual, o que conleva a unha maior ocupación de camas, demanda que se asume con total garantía asistencial".
Membros da comisión prevista no plan de continxencia, integrada por responsables da dirección e os responsables dos servizos implicados (Urxencias, Medicina Interna, Pneumoloxía, Admisión e puntualmente Medicina Preventiva), continúan realizando un seguimento e avaliación diarios nas súas xuntanzas técnicas.
Por outra banda, dende o Sergas sinalan que "se continúa reforzando o cadro de persoal naquelas áreas que os ditos responsables o solicitan".
Estas mesmas fontes oficiais aseguran que "nestes momentos", tanto a unidade de Urxencias, Pneumoloxía e Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra "contan con novos reforzos e, puntualmente, tamén se procede ao reforzo de persoal de enfermaría en Urxencias e nas plantas de hospitalización máis sobrecargadas".
O Sergas tamén quixo destacar que, na xornada deste pasado luns, a comisión prevista no plan de continxencia "dispuxo reforzos médicos no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo, e tamén de enfermería e técnico en coidados auxiliares de enfermaría".
No que atinxe á cobertura de Atención Primaria, "todos os efectivos médicos dispoñibles nas listas de contratación están prestando servizo nestes intres".
Relacionadas:
-
A Xunta de Persoal remítelle unha carta ao conselleiro de Sanidade para pedir o cese do xerente
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade rexeita falar de colapso en Urxencias mentres o persoal o atribúe á "nefasta xestión"
Por Natalia Puga |
-
Urxencias de Montecelo ten unha situación "estable" despois de días de colapso
Por Natalia Puga |