As seis parroquias de Barro gozarán dunha biblioteca itinerante
Por Redacción
A asociación As 13 rosas de Barro presentará este venres o fondo bibliográfico 'Casares Quiroga', un proxecto desta entidade que ten como obxectivo crear unha biblioteca itinerante para levar polas seis parroquias de Barro.
O fondo bibliográfico estará constituído por 1.800 libros, entre eles, obras de ensaio, texto, poesía ou historia. Todos son actuais e de primeira actualidade e foron doados por entidades e editoriais. A asociación promotora destaca que as entidades doantes envorcáronse co proxecto "solidaria e altruistamente" co fin de achegar a cultura ao medio rural.
A asociación define este proxecto como unha "cadea de favores" que termina coa opción do acceso á lectura de todos os veciños de Barro, con independencia da súa localización.
O acto de presentación, previsto para as 19.00 horas deste venres 13 no centro cívico Alcalde Castor Castro, contará coa presenza do ex director da UNED en Pontevedra Gerino Calvo e a neta do poeta Celso Emilio Ferreiro.