Chaveiros para visibilizar a evolución dos pacientes do Hospital de Día Psiquiátrico do Provincial
Por Redacción
Os pacientes do Hospital de Día da área de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra elaboraron centos de chaveiros no marco da campaña de Nadal 'Psiquiatría con ilusión' realizando o trenzado dos fíos ata a decoración da pasta de modelar que compoñen a cabeza do boneco.
Os profesionais da unidade decidiron repetir a experiencia desenvolvida durante o pasado ano cando os pacientes elaboraran broches con forma de home que mostraba o seu corazón. Nesta ocasión elaboraron chaveiros dos que xa se venderon máis de 300 unidades. Tanto o persoal de psiquiatría como os pacientes están moi agradecidos pola implicación da sociedade coa súa causa e por saber que o traballo ten un recoñecemento por parte de persoas alleas ao centro hospitalario.
Os chaveiros poden adquirirse no Hospital de Día Psiquiátrico do Hospital Provincial realizando un donativo solidarios dun euro. Ademais, a asociación de familiares e enfermos de saúde mental Alba dispón dun posto na feira de artesanía Pontenadal, na praza do Teucro, no que se venden estes llaveros.
Na actualidade, o equipo de persoal deste Hospital de Día Psiquiátrico está integrado por un psiquiatra, unha psicóloga clínica, unha enfermeira especialista en saúde mental, unha auxiliar psiquiátrica e unha terapeuta ocupacional. Dispón de 20 prazas para estancia completa e 40 máis para tratamentos ambulatorios.
A través deste espazo búscase mellorar a calidade de vida dos pacientes, axudando a restituír as capacidades mentais e físicas.