Un agasallo para lembrar Ponte Caldelas todos os días
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas está a desexar un feliz ano a todos os veciños e aos comerciantes do municipio co reparto dun calendario específico que recolle 12 imaxes singulares da historia do municipio. Trátase dunha colección de fotografías en branco e negro que corresponden a finais do século XVIII e principios do XIX.
O grupo de goberno, conformado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, editou un total de 2.800 exemplares coa intención de que todos os fogares e os comerciantes dispoñan dun calendario que pretende ser non só unha apelación á historia e ao orgullo local, senón tamén unha ferramenta moi práctica, pois é o único que inclúe os festivos locais e tamén as datas de celebración das festas de todos os lugares e parroquias do municipio.
O reparto, que está a desenvolver persoalmente o alcalde, Andrés Díaz, quen conta coa colaboración do resto dos concelleiros do grupo de goberno, comezou a semana pasada.
"Era unha idea que tiñamos hai tempo", explica o alcalde, quen quixo darlle un aire histórico a esta primeira edición, pero adianta que haberá cambios de temática nos próximos anos, porque a idea é que este agasallo quede institucionalizado. Andrés Díaz subliña que o almanaque de 2017 está moi centrado na imaxe da vila, pero que en 2018 haberá imaxes dos pobos e das súas xentes.
Na confección do calendario colaborou o persoal municipal do Centro Cultural, pois as fotografías corresponden aos seus fondos documentais e foron achegadas polos propios veciños hai xa algúns anos con motivo da celebración dunha exposición fotográfica sobre Ponte Caldelas. O Concello quedou con copias que agora se recuperan para amosar o aspecto de rúas e prazas hai máis de cen anos, recoller esceas de de festas populares, romarías e mesmo unha carreira ciclista.
O alcalde conclúe que será unha satisfacción ver o calendario nas casas e nos establecementos comerciais "dando imaxe dunha Ponte Caldelas que recuperou o seu orgullo e que, como nos gusta dicir, está de moda".
Destacou que se vai repartir por todo o municipio e fixo unha apelación á tranquilidade, porque xa foron varios os veciños que chamaron ao Concello amosando a súa preocupación diante da posibilidade de quedar sen el.