Actividades para todos os públicos no Nadal de Bueu
Por Redacción
Música, contos, teatro, cine e moita diversión. Son as claves da ampla programación especial para todos os públicos que preparou o Concello de Bueu para este Nadal.
Tras a celebración este venres do concerto de Nadal da asociación Recordos da Nosa Terra e da conferencia-taller sobre a restauración das pinturas de Urbano Lugrís no Museo Massó, o sábado 17 de decembro, a partir das 20.30 horas, organízase no Centro Social do Mar o Festival de Panxoliñas en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro no que actuarán Éche o que hai, Orfeón de Ardán, Navidades de Cela e a Banda de Gaitas Manxadoira.
O domingo, desde as 10 da mañá, poderase ver na Casa Reitoral da Igrexa Parroquial de Beluso o IX Belén Vivinte, organizado pola Asociación San Marcos de Beluso. No local da Asociación de A Peque Factoría vaise presentar ás 12 horas o conto teatralizado Imos buscar un abeto, destinada a nenos e nenas a partir de 3 anos.
Pola tarde, a partir das 18 horas, a aula de música do Concello ofrecerá un concerto de Nadal, no que se expoñerán panxoliñas e cantos propios da época. Mentres, ás 19.30 horas, terá lugar o Festival EN CANTO na Igrexa Parroquial de Beluso, amenizado co canto da Coral Polifónica A Merced de Chaín (Gondomar), Coral Polifónica de Piloño (Vila de Cruces) e Coral Polifónica de Beluso.
O mércores 21 de decembro, a Axencia de Lectura de Meiro acollerá un obradoiro de poesía a cargo de Míriam Ferradáns e Lucía Novas. O xoves haberá dúas actividades na Axencia de Lectura de Meiro. A partir das 16.30 horas celebrarase unha lectura dramatizada da obra Un conto de Nadal e ás 20 horas os máis pequenos terán a posibilidade de vivir unha noite de Nadalcon películas, relatos e confección de decoración de época.
O venres 23 será a quenda do concerto da Banda de Música Artística de Bueu, que terá lugar no Centro Social do Mar a partir das 20.30 horas. No terreo deportivo, ás 16 horas celebrarase a Carreira Solidaria de Nadal coa que se recadarán alimentos para os máis necesitados.
O Apalpador visitará o municipio o 26 de decembro da man da Deputación de Pontevedra que continúa coa recuperación desta figura tradicional do Nadal. Continúan as actividades infantís coa actuación do Mago Paco o martes ás 18 horas, e da Bruxa Curuxa, o mércores. Mentres, na Axencia de Lectura de Meiro, o martes pola tarde terá lugar un obradoiro de manualidades, e o xoves unha xornada de xogos tradicionais.
Outras actividades para a recta final do Nadal serán o Festival de Retrouso, que terá lugar o 30 de decembro, o roteiro polo río Bispo e Frade, do 31 de decembro, a Cabalgata dos Reis Magos, do 5 de xaneiro, a Romaría dos Santos Reis, o 6 de xaneiro, e a Sala Torneo Xadrez, o 7.
Ademais, ata o 29 de decembro está aberto o prazo para participar na Xincana Infantil Mariñeiros a bordo, organizada por FECIMO entre os nenos e nenas de 4 a 14 anos, que terán que coñecer o léxico galego referente ao mar.
Tamén para os máis pequenos, o Concello de Bueu organiza o obradoiro Larpeiradas da terra, no marco do programa Tecendo Lazos da Deputación de Pontevedra. O obxectivo é que se compartan coñecementos entre pequenos e maiores sobre a cociña. A actividade terá celebrarase entre o 22 e o 30 de decembro no primeiro andar da Praza de Abastos.
Ademais, entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro organízanse Obradoiros de Nadal para a infancia, para o que está aberta a inscrición ata o mércores 21 de decembro. Neles traballarase en diversos xogos que axudarán a traballar sobre conceptos como a igualdade, a educación en valores, a amizade e o traballo en grupo, entre outros
E para os que desexen mercar agasallos diferentes, ata o 20 de decembro estará na Sala Domínguez Búa unha selección de produtos artesanais confeccionados pola Asociación Juan XXIII de Cangas.