As urxencias do CHOP pioneiras no emprego dun capnógrafo transcutáneo
Por Redacción
O servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é pioneiro en Galicia no emprego dun capnógrafo transcutáneo para detectar dióxido de carbono en pacientes con problemas respiratorios. Este dispositivo tecnolóxico -o primeiro nas urxencias do Sergas- rexistra valores dos gases sanguíneos dos pacientes mediante unha pequena pinza colocada no lóbulo da orella.
A capnografía transcutánea aplicada no Hospital Montecelo do CHOP é unha técnica non invasiva para a determinación da presión parcial de dióxido de carbono, que difunde a través da pel, e que é necesaria para coñecer o estado acedo-base do paciente e saber se se está realizando a ventilación do mesmo de forma correcta.
Habitualmente, a forma de determinar esa eficacia de ventilación do paciente é mediante as gasometrías arteriais -picar nunha arteria da boneca para obter unha mostra de sangue e analizala-. Dita técnica é máis dorosa e complicada.
Coa utilización do capnógrafo transcutáneo non se fai dano ao paciente e obtéñense datos da súa ventilación con moi pouca marxe de erro e en tempo real, sen ter que agardar os resultados da analítica.