Como dar forma a unha proposta solidaria
Por Redacción
A Escola de Enxeñería Forestal acollerá entre o 12 e o 14 de decembro un obradoiro práctico de formulación de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.
Trátase de afondar nas diferentes fases do deseño dun proxecto deste tipo, aquel que busca unha aplicación práctica do coñecemento que repercuta nunha comunidade, así como as claves do seu marco legal ou ás opcións de financiamento existente.
Con inscrición gratuíta e impartido por Emilio M. Martínez, vicexerente de recursos humanos da Universidade de Vigo e ex presidente da Coordinadora Galega de ONGDs, e Mauro Cid, consultor de proxectos de cooperación, esta actividade abre a súa participación tanto ao conxunto da comunidade universitaria como a calquera persoa interesada.
"Cremos que a temática é de interese social como para que nun campus que está tan integrado na cidade poida participar tamén público procedente do mundo asociativo, que contribúa a sumar “diversidade e puntos de vista diferentes", sinala Martínez.
Esta iniciativa se enmarca no convenio de colaboración entre a Xunta e as tres universidades galegas, co obxectivo de consolidar a Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento.
"A idea é poñerse na pel de quen ten que enfrontarse a dar forma a unha proposta solidaria, desenvolvendo os distintos elementos, que logo serán discutidos en grupo", engade o responsable deste taller.